Publicado inicialmente por Diagonal, há que agradecer a Avantar, xornal digital da CIG a traduçom de este artigo que agora publicamos.
Ao longo destes anos asistimos a un esgotamento da constitución formal do réxime e ao progreso de importantes reaxustes estatais ante os cambios operados na constitución material da sociedade por mor da globalización. A tensión nacionalista española preparou, por unha banda, a lexitimación da suspensión de garantías constitucionais (ilegalización de candidaturas, proceso 18/98, etc.) e o cuestionamento de toda política do recoñecemento da diversidade cultural.
Remata a lexislatura do “¡España se rompe!”; a lexislatura en que as Cortes liquidaron o Plan Ibarretxe, progresou a excepción mediante a aplicación da lei de partidos e precipitouse a fin da tregua de ETA, pechándose con iso todas as posibilidades de resolución negociada (quer dicir, “política”) ao conflito vasco. Nestes catro anos, porén, o epicentro dese construtor mediático chamado “crispación” tamén se desprazou por un tempo de Euskal Herria a Catalunya. Carod Rovira substituíu así a Arzalluz e a Ibarretxe na personificación do perigo secesionista. A política do prexuízo xenófobo levouse ao extremo mesmo de se organizaren campañas de boicoteo aos produtos cataláns.
O que agora remata foi tamén un período en que se deixou o Estatut de Catalunya a expensas dun veredito sobre a súa constitucionalidade. A promesa dun proceso estatutario feito “desde abaixo”, de acordo co que o Goberno central aceptaría sen ambaxes a proposta do Parlament, demostrouse tan falaz como dependente da correlación de forzas interna do PSC. O Estatut, polo demais, deu en ser referendado cunha marca de abstencionismo e unha desafección política sen precedentes. Non moi distintas foron, por certo, as demais reformas estatutarias que tiveron lugar, marcadas igualmente por un profundo desinterese e a falta de participación. Iso si, para a ocasión, a crítica ao incremento competencial non foi obxecto da mesma insidia que no caso do Estatut.
Estes foron, en fin, os anos en que ao PSOE lle xurdiron algunhas pequenas e moi mediáticas escisións (Ciutadans; Unión, Progreso y Democracia ...) inspiradas por ese “nacionalismo negativo” español para o que todo comeza en 1978 e a nación forte se pode presentar como vítima co único fin de lexitimar os seus abusos. Vimos, así, como Montilla conseguía desbancar a Maragall e facerse coa presidencia da Generalitat mercé á maior sangría de votos que coñeceu o PSC (paradoxos cataláns: todo iso non impediu un novo tripartito). O reforzamento da tensión centralista tamén levou por diante o líder do PP en Catalunya, Josep Piqué.
Así as cousas, o balance da lexislatura apunta claros síntomas de esgotamento do Estado das autonomías e un rearmamento indubidábel do nacionalismo español, baixo as súas formas máis dispares, desde o nacional-catolicismo até o cidadanismo, pasando polo populismo. Non se deben confundir, porén, as distintas retóricas deste españolismo cos procesos de fondo que o impulsan.
En rigor, ao longo destes anos asistimos a un esgotamento da constitución formal do réxime (Constitución de 1978) e ao progreso de importantes reaxustes estatais ante os cambios operados na constitución material da sociedade por mor da globalización. De feito, baixo esta óptica, obsérvase claramente como a tensión nacionalista española preparou, por unha banda, a lexitimación da suspensión de garantías constitucionais (ilegalización de candidaturas, proceso 18/98, etc.) e o cuestionamento de toda política do recoñecemento da diversidade cultural (negación de cualificar a Catalunya como nación no Estatut), á vez que, pola outra, facilitou o progreso dunha descentralización administrativa reuniformizadora (o “café para todos”). Unha única idea domina a gobernanza do poder soberano: a excepción. Así, o réxime político de 1978, a monarquía constitucional, fíxose obsceno ante a democratización da sociedade e por iso mesmo requírese da cidadanía a aquiescencia do súbdito. A disidencia é perseguida ao momento de que os símbolos do réxime deben ser defendidos da liberdade de expresión. A renovación do poder xudicial é obstruída para asegurar a unidade dos que xestionan a excepción.
No transfondo de todo iso batemos coas transferencias e mutacións do poder soberano que acompañan á tentativa de instauración dun modo de mando global. A escisión aberta pola globalización entre as constitucións de 1978 (a constitución formal) e de 2008 (a constitución material) anuncia así a crise constitucional do vello soberano (o Estado) e prefigura hoxe un escenario antagonista global de confrontación entre a política do movemento e a nova forma da soberanía: o Imperio.
chúzame -
0 Responses to “O rearmamento do nacionalismo español”