Artigo de Raimundo Viejo Viñas, traducido pola Assemblea de Prekárias em Formaçom
Vendo este video, procedente do álbume Songs for Drella de John Cale e Lou Reed (a súa particular homenaxe a Andy Warhol), véuseme á cabeza unha conversa de fai uns días acerca da maneira en que cada profesor expón en público. O “estudante-masa”, socializado na terrible disciplina do copiar apuntes, adoita agradecer o profesor de verbo lento e máxima claridade expositiva; un profesor, a ser posible, que sexa capaz de convertir cualquera tema nun esquema de puntos ordenados, listos para memorizar; ideal xa, se é capaz de presentalo nun power point. Tal e como sinalaba Johann Joachim Winckelmann no seu determinar a estética neoclásica, fermoso é aquelo que presupón ao ollo o mínimo esforzo. O neoclasicismo é, sen lugar a dúbidas, o criterio estético do “estudante-masa” e o profesor da universidade tardo-fordista.
Cabería dicir, á maneira da canción, que este é, precisamente, o problema que un ten co clasicismo: o “estudante-masa” esixe ao profesor a seguridade do trazo claro, do contorno definido, do perfil inequívoco, fácil de memorizar. Apuntes perfectos, precisos, recordables; apuntes como un manual de instruccións co que un inxeñeiro podería montar unha máquina. Nada diso o prepara, empero, para o seu futuro profesional na era do capitalismo cognitivo. Menos aínda resolve o problema (estético e non só) que ha de enfrentar a docencia. Pero é que, a máis, a nova composición do profesorado, segmentado en mil fraccións de poder baixo o mando do soberano (na UPF só o 13% do profesorado é funcionario; vale dicir, Estado), non facilitará en modo algún a pervivencia deste estilo clasicista.
-
En efecto, sometido a unha precarización crecente, á eventualidade contractual e ao reaxuste permanente, o profesorado do capitalismo cognitivo ha de reinventar a súa práctica docente, recurrir a un estilo máis ben expresionista; un estilo capaz de insinuar co trazo ao non dispoñer de tempo para o detalle, evocador no exemplo a falla dunha enumeración concisa das casuísticas, orientador mediante a controversia ante a imposibilidade de construir unha comunidade ideal de diálogo, visual e icónico frente á crise da letra que leva en si a primeira xeración post-alfa. De aí que, alí onde o capitalismo cognitivo se apresta á reificación do coñecemento por medio da imposición de unidades de medida (así, por exemplo, os créditos ECTS), alí onde esta misma fragmentación se constitúe como estratéxia da externalización de custos (id est, os créditos de libre configuración), alí xurde a escisión antagonista que se reclama concilie o profesor post-fordista cal artista da Contrarreforma.
-
Atopámonos aquí, pois, ante o particular Barroco do semiokapital, ante o novo século XVII e a súa estética da contrarrevolución, ao dicir de Paolo Virno. O Zeitgeist do Plano Boloña non é xa o dun tempo neoclásico, senón barroco. O clasicismo académico é insustentable na época da producción just-in time do coñecemento. Ensinar hoxe abócanos á creación rekombinante i efímera; ao graffiti, á mancha. A performance do profesor precarizado ha de comprenderse no rexeite ao fordismo académico do dictado de apuntamentos, non menos que na fuxida da disciplina reificadora da tecnoestructura semiocapitalista. Tales son os problemas co clasicismo da universidade en que nos tocou intervir, crear, vivir.
0 Responses to “Cuestión de estilos, estética da docencia”